Galicia é unha das Comunidades Autónomas que decidiu seguir os ditados do goberno central e aplicará o calendario da LOMCE.
Iso supón que para o curso 2014-2015, que xa se puxo en marcha en canto a admisión de estudantes, verá o nacemento na nosa Comunidade da formación profesional básica (FPB) en sustitución dos antigos programas de cualificación profesional inicial.
Pero a estas alturas aínda non se regularon. O goberno galego está tratando de deseñar a FPB con presas e as presas non son boas conselleiras. Poñer en marcha uns estudos que tratan de “recuperar” para o sistema educativo e formativo aos estudantes que non foron quen de rematar a ESO merece facelo con xeito e iso é incompatible coas presas.
Os centros educativos estamos a velas vir. Non sabemos como se vai facer nin os prazos de admisión e matrícula; non sabemos se se van axustar as plantillas de docentes; non sabemos como preparar os espazos; non sabemos se imos ter dotacións…
Continuamente estamos a recibir chamadas pedindo información. Nais e pais desesperados que non saben que facer cos seus fillos e fillas chaman e non lles podemos dicir nada, porque non sabemos nada.
Así que toca esperar. Mirar todos os días o Diario Oficial de Galicia para ver se se publica o Decreto que regula a FPB.
No hay comentarios:
Publicar un comentario